17/6/15

Peche do Club de Lectura XERFAS na Biblioteca Municipal de Valença do Minho:::

Hoxe o Club de Lectura Xerfas celebrou o fin de curso por todo o alto, cunha visita a pé á Biblioteca Municipal de Valença. O desprazamento foi a pé desde o instituto ata o centro bibliotecario ubicado na zona deportiva da vila veciña. Durante a camiñata houbo tempo para ler unha serie de versos que foron falando do que se ía vendo darredor. Unha vez na Biblioteca Municipal de Valença, moitas sorpresas. Atendeunos a súa directora quen nos explicou a historia e singularidade do centro. Naceu no Século XIX no espazo amurallado da vila como biblioteca dun espazo militar. Cos anos foi medrando e cambiando de ubicación ata onde se atopa na actualidade, edificio no que leva prestando libros e fomentando a lectura nada máis que 10 anos, fíxoos en maio e por este motivo levan celebradas numerosas actividades. Percorremos todas as dependencias da biblioteca, comprobando o fermosa e práctica que é, os servizos que ofrece; mediateca, acceso a internet, zonas infantís, espazo para ler e aprender en inglés, intercambios con outras bibliotecas e un longo etcétera. Deron a coñecer algunhas das actividades que alí se realizan, coma unha noite para ler en pixama; desde as 21h ata as 09h xógase e lese pasando a noite na biblioteca (actividade dirixida a nenos) Teñen un servizo de bibliomóbil e unha zona na que realizan numerosas actividades para nenos coma monicreques. Calquera pode ser socio, de feito un 15% proceden de Tui. Tamén teñen un club de lectura de persoas adultas que se reúne os venres pola tarde (aprendeuse que os venres en portugués son as "sextas") Unha das cousas máis emocionantes foi a visita á zona restrinxida aos usuarios, na que están as oficinas e o depósito. Un sistema moderno e práctico que permite manter en boas condicións algunhas das xoias que gardan en Valença do Minho, pois o libro máis antigo que conservan é de 1575 e trátase dun exemplar italiano dun poemario de Petrarca. Antes de regresar recibiuse un agasallo da Biblioteca, uns libros moi fermosos titulados Habito em ti, Valença do Minho, de Rita Nicolau, unha autora e ilustradora moi recoñecida. Así, o club de lectura leu e aprendeu cousas novas, comprobando que a aventura de cruzar o río pode ser tan interesante como perderse na lectura dun bo libro.
No IES arrancou a viaxe, lendo a Rosalía. Uns versos de Follas Novas que falaban da emigración e  que ían buscando o positivo no feito de viaxar...

Toda a terra é dos homes.
Aquel que non veu nunca máis que a propria,
a iñorancia o consome.


Ao pasar polo Mosteiro de San Domingos léronse uns versos moi duros que fixo Luís Pimentel en 1937 e no que describe o horror daquel momento, non era casualidade pois estabamos ante o "paredón" no que foron executadas moitas vítimas da Represión na Guerra Civil.

Ti sabes que todos os días
hai un home morto na cuneta,
que ninguén coñece aínda. 
Unha muller sobre o cadáver do seu home 
chora.

O espazo bucólico que conforma a contorna do río deu lugar a ler uns versos de  Álvarez Blazquez

No ramo frolido 
o merlo a cantar 
—paxaro belido
 para o teu ollar— 


Chegados á ponte internacional, e tendo a outra ribeira tan preto os versos foron aqueles que unen a literatura galega e portuguesa; os textos medievais, como é o caso de Joao Zorro quen escribía...

En Lisboa sobre lo mar,
barcas novas mandei lavrar
ai mia senhor velida!



E, no medio da ponte, había que ler algún poema que falase desa realidade tan poética que nos transportou a Portugal, estes foron os versos...

 Podemos perceber que se formos ponte... 
Iremos unir todas as coisas... 
Que por algum motivo nesta vida... 
Vivem separados.


E, chegados á Biblioteca Municipal de Valença coñecemos uns famosos versos do gran poeta luso Camoes...
 Campo, que te estendes
 Com verdura bela;
 Ovelhas, que nela 
Vosso pasto tendes, 
De ervas vos mantendes 
Que traz o Verão, 
E eu das lembranças 
Do meu coração.

Xa dentro atendeu ao grupo a amabilísima directora da Biblioteca.


Descubríronse as xoias históricas da Biblioteca de Valença

E volveuse para Tui cun agasallo ofrecido pola Biblioteca. Feliz día foi!


No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...