10/6/15

...e chegado o verán, recomendacións para ler!

O verán é bo momento para LER así que aquí vos deixamos algunhas das recomendacións do Club de Lectura Xerfas:


 AGOSTO DO 36 de Xosé Fernández Ferreiro
En Agosto do 36, Xosé Fernández Ferreiro aborda, con todo o dramatismo que comporta, o tema da guerra civil en Galicia, relatando, a partir dun feito real, o «paseo» do que foi víctima unha parella de mestres rurais nunha aldea da serra de Ourense nos primeiros días do alzamento militar.Coa súa mestría de magnífico narrador,  Xosé Fernández Ferreiro conduce con gran axilidade o lector pola trama da novela, e mergúllao nunha atmosfera abafante, de crueza e tensión, na que as paixóns das persoas, con todas as súas vilezas, saen a flote nun contexto en que amor e odio se tocan. A trama váisenos desvelando a partir da concepción polifónica da estructura, que dosifica a intriga e participa desa concepción tan cinematográfica da narrativa de Ferreiro. Agosto do 36 é unha pequena xoia que continúa vixente e vivísima unha década despois da súa publicación.







  ERA POR SETEMBRO Xabier Quiroga
Aldara, a recente ministra do goberno de esquerdas, regresa a súa vila natal para asistir a un enterro dun dos seus seres queridos. Durante a súa precipitada viaxe, rememora o que sucedeu alí hai trinta anos, coincidindo co inicio da súa adolescencia. Foi o encontro coa figura de don Manuel -o primeiro amor da súa nai- e os conflitos co seu pai, motivados pola súa amizade con este escritor condenado á soidade e vixilado polos seguidores do réxime, os acontecementos decisivos que levarán a Aldara a perder definitivamente a inocencia e a descubrir que non hai razóns para ter medo de encarar a vida sempre que salvemos os ideais.







RESISTENCIA Rosa Aneiros
 Resistencia, a obra que constitúe o debut de Rosa Aneiros en Xerais Narrativa, percorre a historia política e social de Portugal, a través da vida de personaxes pertencentes a varias xeracións, desde os anos vinte ata os anos noventa do século XX. Mercé ao relato, a través dunha voz narrativa omnisciente, preferentemente presentada en terceira persoa, que protagonizan os personaxes principais –Dinís e Filipa– artéllase un percorrido centrado na represión exercida en Portugal durante as dictaduras de Salazar e Marcelo Caetano e na actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor, entre as que salientan a de Dinís –un obreiro da fábrica de vidro Irmáns Stephen– e Filipa –filla dun rico comerciante de Coimbra–. Dinís e Filipa namoran perdidamente sen calibrar as consecuencias. O Pinhal do Rei, no oeste portugués, converteuse no testemuño da vida. Pero ninguén pode escapar aos designios do tempo e a vida dos amantes viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis. Para os protagonistas a militancia política non foi unha opción senón unha esixencia e tiveron que pelexar contra a miseria e contra os seus propios sentimentos. E loitaron desesperadamente coa única arma da que dispuñan: a resistencia.

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...